Saturday 18 de May de 2024

O Concello contratará, por separado, ORA e a Grúa para lograr unha xestión máis eficiente de ambos os dous servizos


Serán dous contratos diferentes, o de ORA por 8 anos, prorrogables outros 2; e o da Grúa de 4 anos, prorrogables, tamén, 2

A Concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, anunciou o inicio da tramitación administrativa para a contratación dos servizos de ORA e Grúa. Os novos pregos están finalizados e, proximamente, sairán a contratación: “Optamos por separar o actual contrato en dous diferentes co obxectivo de obter unha xestión máis eficiente dos recursos e mellorar ambos os dous servizos para os cidadáns”, sinalou.
“Como saben, este Goberno local acordou non prorrogar o contrato de ORA e Grúa, formalizado no ano 2005 polo goberno socialista cunha duración de 10 anos, prorrogables outros dous, debido aos resultados deficitarios que custaron aos petos de todos os coruñeses 3,1 millóns de euros entre as perdas e os atrasos”, explicou Begoña Freire e continuou: “Dende a chegada deste Goberno local fíxose un grande esforzo por tratar de frear o déficit mellorando a xestión, controlando os ingresos a través do sistema de dobre check instalado nos parquímetros ou recuperando prazas de aparcadoiro para compensar a perda das eliminadas dende 2005. Grazas a iso reduciremos o déficit en máis dun 50% con respecto a 2012. Aínda así é necesario contar con novos contratos que nos permitan ofrecer un mellor servizo aos cidadáns e, sobre todo, máis eficiencia e máis control, incorporando as novas tecnoloxías,”.
CONTRATO DA ORA
Tal e como explicou a concelleira, para o servizo da ORA formúlase un contrato dun máximo de 8 anos, podendo prorrogarse 2 anos máis, anualmente. O novo prego recolle o modelo de xestión dun contrato de concesión “a risco e ventura”, é dicir, sen garantía de cobertura de déficit, o que elimina calquera déficit de explotación que deba sufragarse con cargo a fondos municipais.
O Concello non só non asumirá ningún déficit, senón que ingresará como mínimo dous canons: un mensual igual ao 6% da recadación bruta e un canon anual cunha porcentaxe en función dos ingresos de explotación. Vincúlase, polo tanto o custo do servizo á recadación efectiva. “Neste novo contrato apostamos por fórmulas que incentiven o cumprimento óptimo do servizo, graduando a facturación segundo a calidade e eliminando calquera déficit de explotación con cargo a fondos municipais”, resumiu e engadiu: O obxectivo non é a recadación, senón a mellora do servizo do mellor modo posible para os intereses dos cidadáns, optimizándoo. O Goberno local traballou cunha obsesión, visto o que pasou nos últimos anos, que non lle custe aos coruñeses,”. Ademais engadíronse novas prestacións:
. Sinalización horizontal e vertical de todas as prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, motos, bicicletas e outro tipo de reservas como carga e descarga.
. Renovación automática de todos os elementos vinculados ao contrato que permitirá aboar o custo do tícket dende calquera lugar mediante teléfono móbil, identificación de matrícula do vehículo estacionado, flexibilidade para a programación de tarifas, horarios, anulación de denuncias… En resumo, unha actualización tecnolóxica do sistema existente, compatible con Coruña Smart City, con información detallada e en tempo real que, ademais, permitirá ao Goberno local elaborar estudos sobre os hábitos de tráfico dos cidadáns e coñecer as súas necesidades para ofrecer un mellor servizo.
Introdúcese, por outra parte, a auditoría de control do servizo, mediante sistemas automáticos, o que verificará e complementará o sistema de xestión documental que ten que implantar a concesionaria (software de xestión).

CONTRATO DA GRÚA
Será un contrato de prestación de servizos que se licitará por 1.400.000 euros e cuxa duración será de 4 anos, prorrogables, anualmente, por outros 2 anos máis: “Neste contrato esixiremos, tamén, a implantación e posta en marcha dun software de xestión con actualización continua de datos para poder comprobar o estado de execución do contrato en todo momento, así como analizar os indicadores de calidade do servizo,” informou a concelleira quen matizou que en ningún caso se vai incentivar por vehículos retirados: Tratamos de reducir os custos ao máximo, buscando fórmulas para optimizar o servizo, reducindo o número de grúas que terán que estar a disposición, xa que do que se trata é de que se preste o servizo de forma eficaz e cando sexa requirido”.
Tal e como explicou, non se vinculará o nivel de prestación de servizos a niveis de facturación. Deste modo, a retribución do contratista consistirá nun prezo mensual fixo en función da calidade dos servizos prestados, medibles a través de indicadores de calidade.
Begoña Freire finalizou explicando que, de ter contado con estes dous contratos dende 2005, en vez do vixente, as arcas municipais terían perdido en torno a 100.000 euros, fronte aos 3,1 millóns de euros que custou aos coruñeses.